Violencia machista, un relato colectivo

Violencia machista, un relato colectivo é unha sección, desde a que pretendemos visibilizar e denunciar todas as agresións que moitas de nós temos sufrido ao longo das nosas vidas. Agresións propiciadas non só de xeito directo por parte do(s) agresor(es) en cuestión, senón por todo un sistema que as propicia e lexitima. Silenciándonos, sinalándonos, cuestionándonos, revitimizándonos. Castigándonos coa culpa e a vergoña de ter sido agredidas e responsabilizándonos da nosa dor e sufrimento.

 O primeiro relato compartido foi co título Algo que contar, pois esta é unha sección dirixida a todas as que teñen algo que contar, compartir, denunciar. Unha sección para visibilizar as nosas vivencias e pórlles un nome. Non son infortunios, non é mala sorte, non é a nosa actitude nin a nosa vestimenta, é violencia machista. Se queredes contribuír a esta sección coas vosas historias, podedes escribirnos aquí. A publicación farase seguindo sempre as condicións e preferencias da agredida, respectando os datos que non se queiran facer públicos así coma o anonimato se así fose requerido.

Queremos rachar co silencio e a culpa impostas polo machismo criminal. Queremos ser rede de soporte, a voz colectiva das que non teñen voz, das que senten culpa, vergoña, inseguridade, medo. Temos moito que contar, porque o persoal é político e porque as nosas historias non son casos illados nin individuais, son un relato colectivo, son violencia machista. Hoxe e sempre, contra as súas violencias: unidade, sororidade, autodefensa!

Podes ler os relatos compartidos até o de agora nesta ligazón.