Comunicados

Valoración do noso primeiro ano

O 21 de abril fixo un ano  de que a revista feminista Revirada se presentaba co seu número “Feminismos Take-Away” no Café de Catro a Catro en Vigo. A esa presentación fora convidado o grupo inicial de Curuxa. Curuxa aínda non fixera a súa presentación oficial ao público, só tentara sumar forzas para saber se sería quen de saír adiante. Daquela, nesa tarde nunha cafetaría, este proxecto tiña unha forma bastante diferente: eran catro rapazas as que conformaban o grupo e pretendía ser un colectivo de Vigo. O feminismo autónomo das institucións capitalistas tende a organizarse a nivel local e non ir máis aló de coordinadoras puntuais. Nós estabamos nesa liña, e máis tendo en conta as integrantes coas que partimos.

Comezamos co proxecto das caixas de correo feministas, que literalmente eran caixas de cartón. Chegaron os exames finais e o curso non deu para moito máis. No verán, unhas compañeiras de Compostela coas que tiñamos contacto tiñan idea de sacar un proxecto coma o de Vigo. Entón foi cando decidimos pasar do local ao nacional e converter Curuxa nunha organización a nivel Galiza.

Cunha chea de ideas e creatividade ás costas, fomos centrándonos en proxectos concretos para ir avanzando e ter as raíces postas no local. Así fomos medrando, tecendo sororidade, converténdonos nun actor máis no movemento estudantil… Agora estamos na Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo, sendo decenas de mozas en cada un dos lugares. Algo que non está nada mal para un ano de actividade e partindo de cero.

Conformámonos con autonomía, de xeito horizontal, exercendo todas o poder dende a base. Polo camiño apareceron trabas e erros que fomos superando e que quedan por superar en colectivo. Aínda foi na última asemblea xeral do 7 de abril onde nos xuntamos para acordar diversas cuestións, entre elas a nosa definición ideolóxica, deixando claro que o feminismo será anticapitalista e antirracista ou non será, e que á LGBTfobia non se lle debe deixar respiro.

Pouco a pouco, organizadas e combativas chegaremos a facer do movemento estudantil un espazo seguro para todas dende o que acadar vitorias pequenas, grandes e finais.

Viva a loita feminista!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *