Que somos?

Curuxa é un colectivo feminista non mixto de estudantes na Galiza.

Nace ante a necesidade de combater o sistema patriarcal dende a organización autónoma de mulleres, sendo así unha ferramenta dende a cal enfrontarse colectivamente ás problemáticas derivadas deste.

Vimos a necesidade de sacar adiante un colectivo non mixto para ser nós propias as que dirixamos a nosa loita, evitando desta forma que, coma en todos os espazos, esta estea liderada por homes e para os seus intereses. Deste xeito, apostamos por un proxecto para o empoderamento feminino en todos os ámbitos posibles na nosa realidade como estudantes.

Somos conscientes de que o movemento estudantil está copado e controlado por homes, o cal provoca que non sexa un espazo seguro e democrático, e non recolla as demandas de todo o estudantado. Por iso pularemos pola organización de mulleres atacando os nosos problemas dende espazos mixtos e non mixtos, tratando de ter o poder que nos corresponde nos espazos mixtos.

Queremos socializar o feminismo nos centros de ensino tanto a nivel teórico como práctico, espallando a sororidade e o apoio mutuo entre compañeiras.

Asi que dende Curuxa pretendemos servir como soporte para xestionar as violencias machistas para rapazas que participen ou non no colectivo.

Organicémonos xuntas!