Comunicados

Comunicado ante as agresións machistas no movemento estudantil

Dende Curuxa, querémonos posicionar respecto as agresións machistas denunciadas nas últimas semanas dentro do movemento estudantil galego. Esta necesidade nace dunha resposta pública tardía que, no canto de condenar o acontecido, móstrase carente de autocrítica por parte das organizacións e persoas vinculadas ao caso, como puidemos observar á luz dos comunicados publicados ao longo da semana pasada. Tras unha semana de reflexión e coidados entre as compañeiras que formamos parte do movemento estudantil e ante esta atmosfera de pasividade, sentímonos na obriga de dar un paso á fronte, denunciando as agresións que sufrimos como mulleres dentro do propio movemento e estando dispostas a tomar as medidas que consideremos precisas para rematar con esta inseguridade.

O caso detonante foi a agresión cometida por un rapaz ex-militante de Xeira e con cargos de relevancia en Espiral e Anova, dos que teoricamente foi apartado a raíz do acontecido e ata que rematen os procesos internos que se están levando a cabo para tratar o tema. Mediante a testemuña por redes sociais da rapaza agredida, o pasado 28 de abril fíxose pública a agresión sexual que sufriu esta mesma por parte do ex-militante o pasado decembro cando compartían espazo en Xeira. A agredida denunciou o ocorrido á organización, mais os procedementos levados a cabo fixeron que fora ela a que finalmente deixase a militancia. Dez días despois de facerse pública a agresión e tras moita presión externa por parte do movemento feminista, as organizacións vinculadas ao agresor decidiron pronunciarse publicamente ao respecto a través de comunicados que consideramos baleiros de contido respecto á gravidade da situación, e nos que se deixa claro que visibilizar a agresión e ao agresor non é unha opción para eles, xa que insisten no tratamento interno do caso e nin sequera mencionan o nome do acusado en ningún momento.

Na última reunión convocada pola Asemblea Aberta de Mulleres da USC celebrada o pasado luns 7 de maio, a cal tiña como obxectivo debater que medidas tomar como espazo feminista respecto á agresión e ao agresor, houbo unha corrente maioritaria entre as alí presentes que demandaba a necesidade de posicionamento e de posible acción contra o agresor. Aínda que non se chegou a ningunha proposta definitiva, a vontade xeral era tomar partido visible e publicamente para deixar claro que non imos permitir que o movemento estudantil siga sendo un espazo inseguro no que este tipo de actos gocen de impunidade mentres as agredidas carecen de apoios.

É por iso que Curuxa, como colectivo feminista non-mixto de estudantes, súmase á posición maioritaria defendida o luns, acorde cos valores que queremos transmitir como feministas, baseados no apoio sororal ás compañeiras. Así, demandamos a expulsión de todos os agresores dos espazos de militancia, e defendemos que sexan as propias organizacións as que expoñan publicamente os sucesos co obxectivo de visibilizar unha realidade que nos atravesa, da que temos plena conciencia e que dificulta o feito de poder sentirnos totalmente seguras neste tipo de espazos. Débense facer públicos os seus nomes e actos, porque cos agresores encubertos en e por calquera organización, corremos o risco de ser agredidas non só nos espazos de militancia, senón tamén nas rúas. De igual modo, condenamos a todo aquel que protexa ou cale ante aqueles que empregan o seu poder para abusar de nós. O silencio e o encubrimento fanvos cómplices destas agresións.

As agresións machistas son unha consecuencia directa da sociedade patriarcal na que vivimos que afecta a todos os ámbitos da vida. A política, polo tanto, non é unha excepción. Somos conscientes de que as estruturas patriarcais reprodúcense nos espazos mixtos dos que moitas formamos parte, pero non por iso imos calar nin deixar de loitar contra elas. Porén, é o deber dos homes traballar diariamente por si mesmos para deconstruírse, sen ter nós a obriga de reeducalos. Neste caso concreto e de tantos outros que se ocultan en organizacións teoricamente feministas, son homes que tiveron e teñen fácil acceso a material e espazos para levar a cabo ese proceso de deconstrución, polo que podemos dicir que actúan conscientemente, sen poder escudarse na falta de ferramentas para xustificar o seu machismo. Pola nosa seguridade, ata que estes suxeitos entendan que non poden abusar das súas compañeiras de militancia, non deberían militar.

Desgraciadamente, este non é un caso illado nin o primeiro que se dá nestes espazos. As agresións machistas nos espazos mixtos da militancia non son a excepción, senón a norma. Porén, as mulleres temos dereito a militar nestes espazos, polo que é un deber das distintas organizacións e colectivos garantir a nosa total seguridade en todo momento, castigando as agresións e amparando sempre ás agredidas. Sinalar aos agresores e denuncialos publicamente non é unha cuestión de siglas, nin un ataque motivado por diferenzas ideolóxicas entre organizacións: é unha cuestión de xénero, de sororidade e de autodefensa feminista. Por isto mesmo, tampouco imos tolerar a instrumentalización da loita feminista por parte de correntes ás que só lles interesan estas críticas como arma contra a esquerda e non por unha conciencia feminista real. O feminismo non é un slogan, polo que as organizacións e os medios que queiran unirse ou compartir as nosas reivindicacións teñen dúas opcións: aplicalo de forma íntegra e transversal na súas estruturas ou non definirse como tal.

Non descansaremos ata que todos os agresores sexan expostos e castigados. Só mediante a acción real e activa acadaremos o noso obxectivo: converter os movementos políticos en espazos seguros para as mulleres.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *