Comunicados

8M. Pararemos até vencer!

Este 8 de marzo faise historia. Mulleres de todo o mundo pómonos en folga para deixar claro que sen nós, non avanza o mundo. Sen o traballo invisíbel dos coidados, nada do que coñecemos sería posíbel. O noso traballo é moito menos valorado que o dos homes. O sistema educativo é unha ferramenta chave na aceptación de toda a estrutura patriarcal, polo que as estudantes tampouco podemos ficar fóra deste asunto.

Estamos en folga, estamos en loita porque os centros de ensino, como espazos de socialización principais durante a infancia e a adolescencia, reproducen todos os roles patriarcais que se nos impoñen e normalizan a violencia. Porque neles se nos ensina a ser man de obra para este sistema, e que tamén debemos fabricala. Porque as rapazas carecemos de educación sexual, mentres os rapaces consumen a cultura da violación en forma de pornografía que logo aplicarán. Porque medramos nun mundo completamente androcéntrico no que ademais carecemos de referentes femininos, xa que interesa silenciar a súa historia. Porque as ensinanzas feminizadas son para asumir traballos que van ter unha menor remuneración que os das ensinanzas masculinizadas. Porque o esforzo que poñamos nalgo vale moito menos que o dos nosos compañeiros de aula, e se un profesor di que non te pode aprobar porque es muller, tes que achantar.

Para acabar con todo isto temos que facer moito músculo. Tócanos construír un movemento estudantil no que as rapazas non esteamos nun segundo plano e que recolla as nosas demandas, do mesmo xeito que fai coas do conxunto do estudantado que naceu nas familias obreiras. Queremos unha educación pública, popular e en galego, mais tamén feminista, na que nós teñamos cabida. Se queremos conseguilo, o movemento estudantil debe ser para todas. Debemos estar nós amparadas e os agresores repudiados, non á viceversa. Así que temos a sororidade como prioridade, máis aló das fronteiras que nos impoñen e impomos.

Este 8M chegamos pisando con forza e tamén sinalando a necesidade da solidariedade coas nosas compañeiras traballadoras, domésticas e asalariadas, e así sermos invencíbeis. Paso a paso mudaremos o mundo de base.

Pararemos até vencer!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *