Comunicados

25N. Insubmisión, sororidade, organización: AUTODEFENSA!

Un 25 de novembro máis topámonos coa realidade dun sistema patriarcal asasino que nos obriga a reflexionar e pronunciarnos no Día Internacional Contra as Violencias Machistas. Un ano máis no que temos que facer reconto do elevado número de mulleres asasinadas no que vai de ano, 90 neste 2017. Un ano máis no que as institucións tentan agochar a súa complicidade con este machismo criminal finxindo compromiso coa causa con campañas, ás veces tan denigrantes, que se converten no mesmo retrato do que representan. Outro ano no que temos que saír ás rúas, indignadas, fartas de loitar contra un sistema que nos invisibiliza, somete, maltrata e asasina cada ano. Que nos violenta día a día polo simple feito de ser mulleres. Outro ano no que somos postas en dúbida, vítimas dunha xustiza patriarcal que entrega as nosas crianzas a maltratadores e apoia a violadores, dunha violencia institucional que pon en dúbida á vítima e protexe ao agresor e duns medios de comunicación que nos deixan en evidencia, culpabilizándonos, sinalándonos e criminalizándonos, contribuíndo a alimentar unha cultura da violación que anula a necesidade do noso consentimiento, que non entende que NON é NON e que a culpa dunha violación é sempre do violador.

Estamos fartas desta realidade que nos asfixia, humilla e denigra a cada paso que damos. Os 90 asasinatos no que vai de ano son só a punta do iceberg dun machismo estrutural, dun sistema patriarcal que nos oprime e discrimina, someténdonos a un clima de violencia constante nas rúas, nas casas, nos colexios, nos traballos, nas institucións, nas familias e dentro das propias parellas.

Ante unha realidade machista que nos somete e relega a un segundo plano, é momento de pasar á acción. De unirnos e alzar as voces, deixando claro que estamos fartas e que non imos tolerar máis está situación. É momento de organizarnos como mulleres, de ter voz. É hora de deixar de ocupar un segundo plano e ser as protagonistas da nosa loita. Aparcar o medo, empoderarnos para xuntas facer fronte a unha sociedade que nos discrimina, marxina e oprime polo noso xénero, raza e clase. É momento de crear lazos e redes de apoio mutuo entre mulleres, sempre desde os coidados e a sororidade como armas de autodefensa. Desde un feminismo interseccional con capacidade realmente transformadora, que teña en conta a todas as compañeiras e ás súas realidades, creando espazos de apoio, coidados e seguridade para todas nós. Da nosa raiba nace a forza colectiva necesaria para cambiar esta realidade, para loitar pola construción dun futuro feminista no que non sexan necesarios máis días coma este, porque as mulleres seremos tratadas como persoas e non coma obxectos sen ningún valor.

Hoxe e sempre, contra as súas violencias: insubmisión, sororidade, autodefensa. Porque o machismo só se poderá tumbar desde a organización e a loita colectivas e porque xuntas sempre somos máis fortes!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *